Expogrelo, artesanía vexetal


A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e o Alcalde de Abadín, José María López Rancaño, presentaron a oitava edición da feira Expogrelo, que, baixo o lema Artesanía Vexetal, se celebrará o vindeiro 16 de febreiro no recinto feiral da localidade de Gontán. 

O organismo provincial cofinancia un ano máis este certame monográfico cunha achega económica de 3.000 euros, unha colaboración coa que, segundo destacou a Vicepresidenta, “contribuímos a mellorar a comercialización dos produtos autóctonos e de calidade da nosa provincia, entre os que o grelo é un referente”. A calidade deste prezado vexetal, que conta dende o ano 2009 con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) en Abadín é, de feito, o sinal de identidade da feira, pois existe un control previo á apertura do recinto feiral e cada mada ten garantida a súa trazabilidade alimentaria.

Lara Méndez enmarcou o apoio a Expogrelo na decidida aposta polo sector primario que está facendo a Deputación “para que sexa un dos eixos que nos axude a saír da difícil situación económica que atravesamos”. “Colaborando con esta feira, estamos a facer unha inversión con retorno, pois a celebración de Expogrelo ten efectos moi beneficiosos no Concello de Abadín e na comarca da Terra Chá: xérase riqueza e poténciase un sector básico na provincia”, argumentou a Vicepresidenta.