A Universidade de Santiago pon en marcha un ciclo de aulas activas de cociña

Presentación del curso

A Universidade de Santiago comeza este mes de marzo un novo e orixinal proxecto de gastronomía pedagóxica dirixido a toda a cidadanía co que se pretende ensinar a cociñar á vez que achegar unha cultura de hábitos de consumo saudables e aumentar o coñecemento do medio e dos produtos.

 O programa contempla ‘Aulas activas de cociña’ a desenvolver en distintas datas ata final de curso con variadas temáticas centradas en produtos concretos. As clases, cun formato divertido e con prácticas individualizadas, terán lugar no comedor do Colexio de Fonseca.

O primeiro en pórse en marcha é un curso continuo, todos os martes entre o 5 de marzo e o 25 de xuño, no que se achegarán as técnicas básicas de cociña, se coñecerán os principios da Dieta Atlántica, se profundará en menús de autor e nas cociñas do mundo e se executarán pratos de cociña actual, miúda e repostería.

Ademais están previstos outros seis cursos monográficos. O 6, 13 e 20 de marzo o arroz será o protagonista, mentres que os días 3 e 10 de abril terá lugar o curso de cociña para novatos no que se ensinará a elaborar pratos de “supervivencia”. En abril terá lugar un de cociña con pasta.

Maio comezará cun curso de dous días sobre cociña con produtos do mar, fundamentalmente peixe, e continuará con outro de froitas e hortalizas. O programa rematará cun curso de cata de viños tintos a desenvolver os días 5, 12, 19 e 26 de xuño.

Para conseguir toda a información sobre os cursos e formalizar a matrícula, as persoas interesadas deben dirixirse á Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, no Colexio de San Xerome, ou chamar aos teléfonos 88181018 e 881811103.