A Estación de Montaña de Manzaneda, dinamizadora das Terras de Trives

Foto: Faro de Vigo

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), José Manuel Rodríguez, presentan hoxe, xunto co alcalde do municipio, Francisco José Fernández Blanco, as conclusións do Observatorio Económico Ourensán correspondentes á comarca da Terra de Trives (4.660 habitantes), cuxos datos máis salientables rebelan que esta comarca é un dos territorios da provincia de Ourense que incrementou o seu censo de empresas e centros de traballo na comparativa entre finais de 2007 e finais de 2011, xunto con Verín e a comarca de Ourense.

O estudo determina que coa promoción da Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda –dinamizadora da comarca- poderase potenciar o sector servizos, penalizado pola situación de crise actual, un sector que xunto co da agricultura/gandería e o comercio/hostalería son as actividades económicas principais da comarca da Terra de Trives.

O Observatorio Económico Ourensán é unha ferramenta de análise económica, laboral, empresarial e social que puxo en marcha a Deputación de Ourense para coñecer a situación da provincia de Ourense e das súas comarcas. Forma parte do Plan de estratexia operativa OURENSE 92, e nace da implicación entre institucións (Deputación e Inorde), universidade e empresa, e na súa elaboración intervén un equipo multidisciplinar de profesionais e universitarios especializados do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.