A Xunta de Galicia, a
través de Turgalicia, celebrou hoxe no
Hostal dos Reis Católicos de Santiago unha xornada técnica dirixida aos axentes
de viaxes maioristas de Galicia e máis aos técnicos de turismo que traballan
nos diferentes territorios turísticos galegos que foron zonificados en
xeodestinos.
A directora-xerente
de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, foi a encargada de inaugurar esta xornada
na que explicou que o mapa dos xeodestinos de Galicia distribúe xeograficamente
os nosos recursos e a oferta turística en 14 áreas, para optimizar a súa posta
en valor. Este mapa recolle as singularidades dos territorios, recoñecendo as
áreas cunha impronta turística consolidada e abrindo espazos para o futuro
turístico das que ata o de agora estiveron menos desenvolvidas. Deste xeito, se
territorializa, optimiza e homoxeiniza a oferta, de cara a promocionala e
comercializala turísticamente do modo máis eficiente posible.
Segundo resaltou
Pita, “os xeodestinos son unha ferramenta de promoción que supón un pulo ao
turismo experiencial, especializado e de calidade, e representan un salto
cualitativo e necesario á hora de entender o turismo desde o territorio,
enriquecendo a singularidade e a diferenza de Galicia como multidestino”.
A xerente de
Turgalicia comentou na súa intervención que o impulso desta nova ordenación ten
por obxectivo incentivar o aumento da estadía media dos visitantes á
Comunidade, ao comunicar a mensaxe de que Galicia ofrece varios destinos nun
territorio.