Un alumno do CSHG, segundo na final do Hyatt Student Prize


París acolleu onte a final do concurso Hyatt Student Prize convocado pola prestixiosa cadea hoteleira Hyatt  Hotels & Resorts e que ten como finalidade escollera o mellor alumno do continente europeo en Xestión Hoteleira. O Centro Superior de Hostelería de Galicia da Secretaría Xeral para o Turismo foi escollida entre as 19 mellores escolas de Europa para participar neste certame, sendo a única escola do Estado Español que participou nesta edición 2012.

O alumno do Centro Superior de Hostelería de Galicia seleccionado para representar á escola galega no certame foi Juan Calvo que, finalmente, quedou en segunda posición na final da quinta edición deste certame. Tras unha fase previa, Hyatt elixiu a oito finalistas, entre eles o alumno representante do Centro Superior de Hostelería de Galicia que ademáis de lograr a segunda posición na clasificación xeral,  acadou o galardón ao mellor vídeo promocional. O vídeo pode visualizarse a través da Internet en vimeo.com/52410478

Trátase do cuarto ano consecutivo que o Centro Superior de Hostelería de Galicia é seleccionado para participar neste evento que nesta edición 2012 se celebrou no Hotel Park Hyatt París-Vendôme da capital gala.