A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa
Quintana, cualificou de netamente
positivos os TACs acadados en Bruxelas tendo en conta o duro punto de partida da
negociación. A responsable dos asuntos marítimos en Galicia acompañou ao ministro
de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete no Consello
de Ministros de Pesca celebrado estes días en Bruxelas en representación das comunidades
autónomas españolas.
Sobre os
resultados acadados, Rosa Quintana salientou que para as duras negociacións foi
imprescindible “ter ben feitos os deberes para vir a Europa coa razón na man e
poder facernos valer”. Neste sentido, recoñeceu o traballo previo de
documentación e análise científico e socioeconómico realizado polo Ministerio e
o papel que desenvolveu nas negociacións para “evitar un escenario que podería
ter sido negativo para o sector pesqueiro galego”.
No eido dos logros, a titular de Medio Rural e Mar destacou o aumento
xeral de máis dun 40% no TAC do lirio e dun 15% na pescada do Cantábrico. Tamén
amosou a súa satisfacción ante o incremento dun 42% no TAC da cigala de Gran
Sol, na área de Porcupine. Outro dos aspectos positivos das negociacións foi o
de conseguir manter os TACs de especies principais para a frota española e en
particular para a galega, como a pescada norte,
rapante ou badexo, sobre todo tendo en conta que a Comisión Europea propoñía
nalgúns casos reducións superiores ao 30%.
A maiores, conseguiuse frear a caída de especies coma o peixe
sapo, que pasou dunha redución dun 20% proposta nun principio, a unha redución
do 5%. No caso do peixe sapo no Cantábrico Noroeste acadouse frear a redución
dun 37% a un 25%. Tendo en conta estes resultados, Rosa Quintana sinalou que os
TAC para o ano 2013 son satisfactorios para a frota galega e que volven a
referendar o traballo duro e responsable dos pescadores galegos e os esforzos
realizados a prol de axustar o esforzo pesqueiro.