
O obxecto desta campaña
–dirixida aos consumidores– é o de aumentar a visibilidade dos produtos
pesqueiros certificados baixo o distintivo
pescadeRías ¿de onde se non?. A iniciativa consiste no etiquetado individual de peixes
para facilitar o seu recoñecemento e diferenciación nos puntos de venda. Nunha
primeira fase implantarase nas lonxas de Baiona, Bueu, Cangas, Fisterra e
Portonovo e vai dirixida a especies de alto valor comercial, sendo esta a
primeira dunha serie de accións que pretenden etiquetar individualmente os
exemplares de todos os grupos biolóxicos comercializados nas nosas lonxas.
Con este modo de
etiquetaxe preténdese, ademais da diferenciación do produto nas peixerías, o
control da súa trazabilidade, que rematará nun futuro próximo coa inclusión de
códigos QR (códigos de barras de resposta rápida) nas propias etiquetas para,
dese xeito, facilitar aos usuarios toda a información on line a través dos teléfonos móbiles. A
etiquetaxe realizarana as propias confrarías por medio dun sistema de suxeición
de etiquetas para produtos alimentarios. Así, entregaránselle aos colectivos as
pistolas de navetes (para a fixación dos adhesivos) e as etiquetas seriadas
para marcar o peixe. En total, cada confraría disporá nesta primeira fase de
10.000 selos, cun atractivo deseño de 60x33 mm facilmente ecoñecible polos
consumidores.