Pataca de Galicia na V gama


Consello Regulador da I.X.P: Pataca de Galicia Protexida organizou en Xinzo de Limia unha Xornada de divulgación do Proxecto de Desenvolvemento de Produtos Esterilizados, Pasteurizados e pratos preparados (V gama) a partir de pataca con IXP Pataca de Galicia. O obxectivo básico de dito proxecto, iniciado no ano 2010 é desenvolver unha gama de produtos que permitan usar a Pataca de Galicia como un ingrediente importante de produtos listos para o consumo, xa sexa soa, ou en combinación con outros produtos galegos de calidade.

O proxecto, dirixido polo Consello Regulador da IXP, baixo a dirección do seu secretario, Ricardo Losada Blanco, conta coa colaboración do grupo de Deseño de Produtos e Procesos para o Desenvolvemento Rural da Universidade de Compostela, dirixido polo profesor Enrique Arbones, que actuou como poñente na xornada de divulgación, e a empresa Droguería Agrícola S.A.

A xornada contou coa participación de  produtores, envasadores de pataca  así como técnicos relacionados co sector, que expuxeron os resultados acadados ata a data para a pataca pasteurizada e esterilizada en tarro. Tratáronse os estudos de mercado realizados con pequenos consumidores e consumidores colectivos e a análise da canle comercial. Describíronse os traballos de desenvolvemento de procesos realizados polo equipo da Universidade de Santiago na planta piloto da Escola Politécnica Superior de Lugo.