Novembro, máis demanda hoteleira


Os establecementos hoteleiros de Galicia rexistraron en novembro un lixeiro crecemento na demanda hoteleira dun 2,5% do volume de viaxeiros aloxados, cun total de 181.230 viaxeiros segundo datos facilitados polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Este incremento da demanda vén provocado por unha mellora do turismo receptor, e dicir, do mercado nacional procedente de fóra de Galicia e do estranxeiro –ambos mercados rexistran crecementos interanuais do 4,5% nas pernoitas-.

Do mesmo xeito, produciuse un incremento das pernoitas nos establecementos hoteleiros – hoteis e pensións-, do 1,1%, cun total de 383.891. As pernoitas na categoría de hoteis exclusivamente incrementáronse un 4,1% a respecto das rexistradas no mesmo período do ano anterior. É a primeira vez desde o mes de decembro de 2010 que Galicia rexistra un incremento interanual das pernoitas hoteleiras. Sobe tamén a ocupación nos establecementos hoteleiros, en concreto, 0,36 puntos porcentuais con relación a 2011.

No mes de novembro, Galicia segue rexistrando un crecemento do turismo internacional nos establecementos hoteleiros rexistrando un incremento do 2,1% no relativo aos viaxeiros aloxados (con 25.669 no conxunto da comunidade) e do 4,5% nas pernoitas (con 55.701en total).

No acumulado do ano, de xaneiro a novembro, contabilizáronse un total de 715.528 viaxeiros extranxeiros, que significa un aumento do 1,8% do turismo internacional. A cifra das pernoitas neste período cifrouse nun total de 1.263.928.

O incremento do turismo internacional prodúcese esencialmente nos hoteis, onde sobe un 1,6% a cifra de viaxeiros aloxados e un 2,1% as pernoitas.  O peso do turismo internacional no sector hoteleiro foi do 23,4%, (en viaxeiros aloxados), máximo histórico neste período e que supón un incremento de 1,42 puntos porcentuais máis en relación ao ano pasado.