Mar edita unha guía de servizos náuticos

A Consellería do Medio Rural e do Mar vén de elaborar a primeira guía de servizos náuticos do conxunto do litoral de Galicia, que edita a Comunidade Autónoma. A titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, presentou esta mañá a publicación gratuíta, que aglutina información dos 39 peiraos deportivos da comunidade, 27 xestionados pola Xunta a través de Portos de Galicia e 12 dependentes das Autoridades Portuarias do Estado e que se pode descargar dende hoxe en internet.

A guía, a primeira que reúne información do conxunto do litoral, coordinando portos autonómicos e de interese xeral, referencia concretamente as dársenas náutico recreativas de Ribadeo, Viveiro, Ortigueira, Ferrol (3), Ares, Sada (2), A Coruña (5), Camariñas, Muxía, Muros, Portosín, Cabo de Cruz (Boiro), A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Combarro, Pedras Negras (O Grove), Portonovo, Sanxenxo, Pontevedra, Marín, Beluso (Bueu), Moaña, Cangas, Vigo (4), Baiona (2) e Tui.

Trátase dunha publicación que recolle información útil para o navegante. Entre o seu contido destaca a información de contacto e ubicación de cada clube náutico e o seu xestor, así como un relatorio de todos os servizos dispoñibles para o usuario e datos de acceso e comunicacións. Como valor engadido, na guía figura tamén unha referencia turística da contorna de cada peirao de modo que se incremente o atractivo do litoral galego de cara aos visitantes marítimos.