A cifra de viaxeiros procedentes doutros
países que durante o mes de outubro se aloxaron en establecementos regrados
galegos incrementouse un 5,5% a respecto do mesmo mes do ano pasado, segundo se
extracta do último informe oficial do Instituto Nacional de Estadística. Se falamos
de pernoitas, a cifra ascende ao 6,9% en relación ao mesmo período de 2011.
O incremento das cifras de turismo
internacional prodúcese tanto no segmento hoteleiro, onde sobe un 1,8%, como no
extrahoteleiro, que rexistra unha suba dun 4%.
Deste xeito, Galicia rexistrou no pasado mes
de outubro un total de 75.621 viaxeiros internacionais aloxados no conxunto da
oferta regrada. O peso do turismo internacional foi do 24,46%, 2,02 puntos
porcentuais máis que o ano pasado, e o das pernoitas situouse nun 20,53%, 2,39
puntos porcentuais máis.
Se temos en conta exclusivamente os datos da
tipoloxía de establecementos extrahoteleiros (apartamentos turísticos, cámpings
e casas de turismo rural) os viaxeiros internacionais tamén se incrementaron,
concretamente un 13,2%. Esta suba tamén se constatara na modalidade de
estabelecementos hoteleiros, cifrada nun aumento do 5,2% no mes de outubro en
comparación co ano pasado.