A Xunta faise coas naves de Alfageme e a marca Miau


A Xunta de Galicia fíxose coas naves da empresa conserveira Alfageme, así como os dereitos sobre a marca Miau, na subasta celebrada esta mañá no Xulgado Mercantil número 3 de Pontevedra, en Vigo, co obxectivo de buscar a mellor fórmula para garantir a reactivación da empresa e a recuperación dos postos de traballo. O Executivo autonómico adxudicouse as naves da compañía ao non haber ningunha empresa interesada en darlle viabilidade ao proxecto da conserveira.

O Goberno galego, representado por altos cargos das Conselleríad de Economía e Industria e Facenda, xunto con dous letrados funcionarios de asistencia xurídica, foi o único ofertante na poxa das naves de Alfageme e adxudicouse a propiedade das dúas plantas, Ribadumia e Vilaxoán, por un total de 560.000 euros (210.000 e 350.000 euros respectivamente). A marca, na que houbo outro interesado, foi adxudicada á Xunta por 220.000 euros.