A cría de troita e de rodaballo xerou en Galicia 95 millóns de euros no 2011

A cría de troita e de rodaballo xerou en Galicia 95 millóns de euros no 2011 e supón 790 postos de traballo directos. Destas cifras, 15 millóns de euros e máis de 250 empregos directos correspóndense coa troita de acuicultura, mentres que a cría de rodaballo supuxo 80 millóns de euros e dá emprego directo a 540 persoas. Así o salientou a conselleira do Medio Rural e do Mar en funcións, Rosa Quintana, na Coruña durante a clausura da xornada ¿Cómo te alimentas? Salud y gastronomía en los pescados de crianza, organizada pola Asociación Española de Productores de Acuicultura Continental (ESACUA) e a Asociación de Productores de Rodaballo de Galicia (AROGA), con motivo do Día da Acuicultura.

Durante a súa intervención, a titular do Medio Rural e do Mar incidiu na importancia da acuicultura en Galicia e apelou á unión de asociacións, consumidores e administracións para impulsar esta actividade. Neste sentido, lembrou que a acuicultura se configura como a opción para cubrir a demanda de peixe e marisco do futuro, xa que, segundo a FAO, se a demanda de peixe e a poboación continúan nas mesmas porcentaxes de crecemento, no 2030 serán xa necesarios 37 millóns de toneladas adicionais de peixe para manter os niveis actuais.