Yayo Daporta e Alberto G. Prelcic representan a Galicia en Millésime México

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo presentará a oferta enogastronómica de Galicia e México D.F. no marco do evento Millésime México 2011, xunto ás do resto das comunidades autónomas que conforman a marca turística España Verde -Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi-, ao obxecto de difundir a gastronomía como un dos atractivos turísticos máis importantes do Norte de España en América.

Esta é a segunda edición de Millesime en México D.F. despois de celebrarse en cinco ocasións en Madrid e outras dúas na República Dominicana e Brasil. Millesime celébrase no recinto de Expo Bancomer. O evento gastronómico, destinado a públicos especializados e de prestixio do sector, celebrarase entre mañá e o día 8 de novembro, na capital mexicana.

Para a promoción da enogastronomía do Norte, España Verde disporá dun espazo no open bar de Millésime México que compartirán as catro comunidades autónomas que conforman a marca.

Neste espazo, chefs relevantes do panorama gastronómico da España Verde elaborarán a través dun showcooking de alta cociña os seus mellores pratos relacionados coa gastronomía de cada unha das súas comunidades autónomas e presentarán unha selección de minitapas destes pratos. No caso galego, cociñarán os chefs Yayo Daporta, do resturante Yayo Daporta de Cambados, e Alberto G Prelcic, do restaurante Silabario de Tui, ambos con estrela Michelin.