Sin tregua al furtivismo


Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, comisaron máis de 770 quilos de peixe e marisco e incautaron 455 aparellos de pesca en distintos operativos realizados polo litoral galego nos últimos días.

Na ría de Arousa, os gardacostas desenvolveron varios operativos que se saldaron coa incautación de 316 artes e de máis de 381 quilos de peixe e marisco. A actuación máis significativa foi a que se realizou en Cambados e Vilagarcía, onde os axentes requisaron 21 nasas de polbo sen identificar e máis de 140 quilos peixe e marisco, a maioría volandeira. Ademais en Cabo de Cruz os axentes fixéronse cunha embarcación. A maiores, nun labor de inspección desenvolvido en Vigo, os Gardacostas comisaron 5 quilos de centola.

A Coruña tamén foi escenario doutros operativos de gardacostas. Neles requisáronse 5 artes, sobre todo trasmallos, e comisáronse 83 quilos de marisco, a maioría centola. Na Ría de Muros e Noia realizouse ademais outra intervención, que se saldou coa aprehensión de máis de 35 quilos –a maioría de centola-, 3 salabardos e 1 viveiro, por estar sen identificar. Na zona da Costa da Morte, os axentes levaron a cabo dúas inspeccións nas que requisaron máis de 40 quilos de diversas especies, a maioría polbo.

Finalmente, en Ferrol os axentes do servizo dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar comisaron 227 quilos de peixe e marisco e incautaron 130 artes de pesca. A actuación máis significativa foi a desenvolvida o pasado sábado en Cabo Prior, onde se requisaron 100 quilos de rape e 112 rascos, por estar sen identificar e incumprindo o descanso semanal, o que se traduce en 5.600 metros desta arte de enmalle.