Premios no Santiago(é)Tapas

O concurso Santiago(é)Tapas 2012 outorga unha gran importancia ao público que visita os 72 establecementos que participan no concurso. Os clientes, coas súas puntuacións, amosan a súa opinión sobre a calidade dos petiscos e dos locais e, deste xeito, determinan a mellor tapa para o público e o local máis excelente.

Entre todos os que marcan a súa opinión e deixan os seus datos nos votos con forma de pousavaso sortearanse 3 lotes con produtos enogastronómicos, estancias en hoteis e comidas en restaurantes adheridos. O sorteo celebrarase tralo reconto.

Un posto situado na Praza de Galicia é o lugar onde se entregan os premios directos aos etapeantes que completan os diferentes vieiros. Funciona todos os días en horario de mañá de 12:00 a 14:00 e de serán de 17:00 a 21:00.

Santiago(é)Tapas celébrase ata o vindeiro domingo 11. Cinco rutas por locais da cidade distribúen aos participantes que ofrecen un total de 117 creacións a un prezo de 2 euros.

Tamén ata o domingo, 33 establecementos de hospedaxe da cidade de 5, 4, 3, 2 e 1 estrelas ofertan un incentivo que ofrece dous días de estancia en habitación dobre, almorzo, visita guiada á zona monumental, viaxe en tren turístico, un paraugas promocional, entrada á exposición “Gallaecia Petrea” na Cidade da Cultura e vales para a degustación de tapas no concurso.

E, xa pola noite, chega a oportunidade de probar o Santiago(é)Noite. 17 locais da hostalería nocturna toman parte desta actividade, mantendo os seus horarios habituais. Os cócteles de Santiago(é)Noite teñen un prezo de 3,50 euros para quen presente o seu tapasporte.