Portos de Galicia adaptará as instalacións náuticas para dar cabida a grandes iates


Portos de Galicia adaptará a estratexia de oferta das instalacións náutico recreativas de titularidade autonómica para dar cabida a iates de grandes dimensións. Esta liña de traballo será incorporada ao Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que o ente público está a ultimar, logo de recibir nos días pasados as alegacións ao documento base presentadas polos colectivos de usuarios e sectores relacionados co ocio marítimo que mostraron a súa vontade de participar no proceso.

O ente público que preside José Juan Durán vén de analizar todas as suxestións presentadas para ser incorporadas ao documento que Portos de Galicia empregará como folla de ruta do sector a curto e medio prazo. Administracións públicas, institucións, empresas do sector e colectivos de usuarios colaboraron, a petición do ente público, na presentación de propostas que veñen a mellorar este documento que recolle a estratexia para optimizar a distribución de recursos destinados á náutica recreativa.

Entre as alegacións presentadas, a Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (ASNAUGA) e a Asociación de Industriais da Metalurxia de Galicia (ASIME) coinciden en resaltar a necesidade da adaptación dos portos galegos para a recepción dos chamados megaiates, embarcacións náuticas de máis de 24 metros de eslora e 12 pasaxeiros. Conscientes do potencial económico deste perfil de barco e visitante, Portos de Galicia decidiu apoiar a habilitación espazos portuarios específicos para o atraque de grandes iates.