Pemento de Mougán máis europeo


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a solicitude de inscrición no rexistro comunitario da Unión Europea da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán.

Unha vez examinada a solicitude pola Consellería do Medio Rural e do Mar e completada a documentación pola Asociación de Produtores de Pemento de Mougán, o expediente de inscrición debe someterse a un procedemento “de oposición” dentro do Estado membro, mediante a súa publicación no DOG e, posteriormente, no Boletín Oficial do Estado (BOE). Isto significa que, dende o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas, iniciarase un prazo de dous meses durante o cal calquera persoa física ou xurídica que posúa un interese lexítimo e estea establecida ou resida en España poida declarar a súa oposición á solicitude.

O ámbito xeográfico da IXP Pemento de Mougán comprende a totalidade do territorio do concello lugués de Guntín. O nome da denominación “Mougán” é o do topónimo desta parroquia, dende onde partían no transporte público os pementos destinados ao mercado da capital. As características deste produto veñen recollidas no propio Diario Oficial de Galicia.

A inscrición do produto como indicación xeográfica protexida baséase tanto nas súas características específicas ligadas ao territorio -por tratarse dun ecotipo de pemento adaptado ás condicións desta área- como pola súa reputación, fundamentalmente recoñecida no ámbito da Comunidade.