Os alumnos dos cursos de Hostelería de Compostela comezan as prácticas


Os alumnos do curso de servizos de restauración impartido no Centro de Formación e Cultura Gastronómica  de Hostelería Compostela van comezar as súas prácticas nalgún dos mellores establecementos hostaleiros da cidade. Esta semana rematan o seu período de formación académica no centro de Hostelería Compostela. O inicio da súa estadía en prácticas comeza o día 30 e vaise prolongar durante 2 semanas ata acadar as 80 horas prácticas. Os alumnos do programa porán en práctica os coñecementos adquiridos durante a súa formación no centro. Este curso, cunha duración total de máis de 600 horas e dirixido a desempregados, ten como obxectivo a súa inserción no mundo laboral. Así, un terzo dos alumnos que participa nos cursos impartidos por Hostelería Compostela consegue atopar emprego.

A hostalería continúa sendo, a pesar da crise, un dos poucos sectores que segue a xerar emprego. Os establecementos incluídos no  programa de prácticas e que acollerán aos alumnos son: A Bodeguilla de Santa Marta, o Restaurante Garum, AC Palacio del Carmen, Caney Araguaney, N.H. Obradoiro e o Curro da Parra.

Durante estas semanas, o Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela acolle un novo curso básico de servizo de bar e restaurante dirixido a mozos de entre 18 e 25 anos, cunha segunda quenda dirixida a desempregados en xeral. O curso está enmarcado no Pacto Local polo Emprego e conta coa implicación e colaboración do concello de Santiago. Os 30 alumnos cursarán 50 horas formativas nas instalacións do Centro de Formación e Cultura Gastronómica.