O DOG publica a nova orde pola que se regulan as tallas mínimas de especies mariñas


A Consellería do Medio Rural e do Mar vén de publicar no DOG a nova orde pola que se regulan as tallas mínimas de extracción de distintas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos. Esta nova orde modifica o tamaño mínimo de determinadas especies seguindo a información de estudos realizados e a evolución dos mercados e ten como obxectivo harmonizar a normativa autonómica coa nacional e comunitaria.

Unha das principais novidades que engade é a posibilidade de que en determinadas zonas de Galicia, o tamaño mínimo da ameixa babosa sexa de 35 mm, en lugar dos 38 mm que establece a normativa comunitaria. Ademais redúcese a talla mínima do berberecho de 28 a 25 mm en toda Galicia.

Esta normativa esténdese á extracción en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e á comercialización das especies no territorio galego referidas nesta orde. En canto aos peixes cabe destacar que a normativa non será de aplicación a aqueles que proceden da acuicultura. Mentres que para os moluscos os tamaños mínimos que establece a orde tamén serán de aplicación aos procedentes da acuicultura.

Ademais a orde inclúe indicacións para realizar a medición axeitada das distintas especies e especifica que as especies capturadas que non acaden o tamaño mínimo regulamentario deberán ser devoltas inmediatamente ao mar, no caso de ser posible,  ou ben deberá actuarse conforme ao establecido na Lei  de pesca de Galicia. O documento tamén especifica que a Consellería do Medio Rural e do Mar poderá autorizar, dentro das augas da súa competencia, a extracción ou captura de individuos de tamaño inferior ao establecido na orde con fins de repoboación, traslados e sementeiras, así como aqueles outros exclusivamente científicos, culturais ou didácticos. O incumprimento desta orde será sancionado de conformidade co establecido na Lei de pesca de Galicia.