Innovar, o futuro para comercialización de produtos pesqueiros


A conselleira do Medio Rural e do Mar en funcións, Rosa Quintana, destacou a importancia de innovar e investigar para garantir o éxito do sector transformador galego. Díxoo no acto de entrega do certificado de calidade International Food Standard (IFS) á depuradora de moluscos de Beluso, propiedade da Asociación de Produtores Mexilloeiros Cabo de Cruz (AMC). 

A depuradora recibiu este selo internacional polo seu protocolo de sistema de xestión en seguridade alimentaria. O IFS, unha norma impulsada polas grandes compañías de distribución de Alemaña e Francia, establece unha serie de requisitos para os sistemas de calidade das empresas de alimentación e garante que todo o produto vai con todos os controis para saír ao mercado. O proceso para lograr o certificado IFS é supervisado por unha empresa auditora independente.