Impulso aos Grupos de Acción Costeira


As liñas de traballo que atinxen a aspectos socieconómicos, como os desenvolvidos polos Grupos de Acción Costeira (GAC), xogarán un papel de gran importancia no Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Díxoo o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, na inauguración do Foro de boas prácticas en Grupos de Acción Costeira, que se celebra en Oleiros e na que participan os xerentes dos sete grupos constituídos en Galicia.

O secretario xeral puntualizou que o novo FEMP, que aínda se está a negociar, se centrará nas persoas e comunidades dependentes da pesca, promovendo a estas entidades e co fin de impulsar proxectos que garantan a dinamización das zonas costeiras, entre eles galegas. Así, a través de axudas económicas, favorecerase a competitividade das zonas de pesca, impulsarase o valor engadido dos produtos pesqueiros e axudarase a pequenas infraestruturas e servizos relacionados con este ámbito.

O goberno galego considera que os GAC son claves para promover o desenvolvemento sostible nas zonas de pesca, para manter e promover o emprego, fomentar a calidade do medio costeiro e promover a cooperación nacional e transnacional entre zonas de pesca.