Gastronovena en Madrid


O Teatro Teatriz en Madrid acolleu a pasada noite unha presentación sobre a gastronomía de Galicia a modo de showcooking protagonizado polos restauradores do Grupo Nove. Gastronovena é o nome deste evento co que a asociación gastronómica celebrou o seu décimo aniversario. O acto reuniu a profesionais da alta cociña, representantes de asociacións e grupos gastronómicos, personalidades do eido empresarial ligadas ao sector culinario e da alimentación así como medios especializados e xeralistas, plataformas de difusión ligadas á gastronomía e bloggers especializados.
Este evento promocional contou tamén coa colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo e mais das Denominacións de Orixe Protexida vitivinícolas de Galicia, así como de Hijos de Rivera e Estrella Galicia. En representación da Admnistración Turística galega asistiu Elena Barca Ramos, a subdirectora de Xestión, Fomento e Cooperación da Secretaría Xeral para o Turismo, que foi a encargada de facer un repaso polos recursos culinarios da Galicia gastronómica. 
Elena Barca resaltou na súa intervención a importancia de celebrar “unha década de éxito dun grupo de mozos profesionais innovadores e emprendedores”. “Os nove grandes cociñeiros que iniciaron a andaina do Grupo Nove téñense convertido na actualidade en 22 profesionais entusiastas, que son a vangarda da cociña galega”, resaltou.