Curso para a especialización dos guías turísticos de Galicia en materia dos conxuntos botánicos


A Xunta, a través de Turgalicia, vén de organizar un curso para a especialización dos guías turísticos de Galicia en materia dos conxuntos botánicos galegos, dentro da estratexia de difusión dos produtos cabeceira da marca do Turismo de Galicia, concretamente o denominado Ruta da Camelia, no que se inclúen distintas experiencias turísticas nos xardíns máis emblemáticos da Comunidade galega.

Con este curso preténdese que os guías especializados de Galicia poidan adquirir os coñecementos e destrezas oportunas para ofrecer información turística e realizar visitas guiadas de calidade, dotadas de contido rigoroso e específico no que atinxe aos conxuntos botánicos galegos.

Este curso contará cunha parte teórica e outra práctica, cun total de 32 horas lectivas. Para a obtención do diploma de curso, será precisa a asistencia a un mínimo do 80 por cento do total das horas lectivas e superar un test e un traballo final que acredite o aproveitamento deste.