Chamada á unión do sector lácteo


A conselleira do Medio Rural e do Mar en funcións, Rosa Quintana, convocou aos axentes do sector lácteo galego (organizacións profesionais agrarias e representantes da distribución e da industria) a unha xuntanza que terá lugar o vindeiro luns para analizar a situación e afondar na procura de solucións en común para as dificultades polas que atravesa. Nesta reunión, a conselleira trasladaralles tamén as liñas de traballo que manteñen, neste sentido, os Goberno galego e central.

A titular de Medio Rural e Mar –que asistiu hoxe en Madrid aos consellos consultivos de Agricultura e Pesca e conferencia sectorial de Agricultura– fixo un chamamento a todas as partes interesadas para que sumen esforzos diante das dificultades. Pediulles que actúen unidos para que “entre todos sexamos capaces de seguir mantendo vivo un sector tan importante como este”. Rosa Quintana anunciou tamén a celebración, en datas próximas, dunha Conferencia Sectorial centrada de xeito específico e exclusivo no lácteo.