Australia máis xacobea


Esta pasada fin de semana pechou as súas portas en Melbourne a exposición  audiovisual Memoria de peregrinación.  Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo, que permaneceu nesa cidade australiana dende o pasado 18 de outubro. A mostra, que xa itinerara a Sydney, onde permaneceu entre xullo e setembro deste ano, acadou entre ambas localizacións máis de dous mil visitantes.

Nas diferentes actividades que integraron o plan de promoción do Camiño de Santiago no país oceánico colaboraron entre outras institucións o Instituto Cervantes e o Consulado Español de Sydney, a Embaixada Española en Camberra,  o Consulado Xeral de España en Melbourne e a Consellería de Educación da Embaixada Española en Australia.    

En Sydney, a mostra situouse no Instituto Cervantes, visitaron a mostra máis de 1.600 persoas durante os tres meses nos que permaneceu na cidade. Segundo o xefe de actividades culturais do Instituto Cervantes de Sídney,  José Luís Perales, dado o grande interese que existe en Australia polo Camiño de Santiago moitos dos visitantes mostraron a súa intención de facer o Camiño e incluso un número significativo deles apuntáronse con esa intención aos cursos de español do Instituto.