Arranca a Cata dos Meles e Queixos de Galicia


Mañá darán comezo a “XI Cata dos Meles de Galicia” e a “XV Cata dos Queixos de Galicia” no compostelá Centro Integrado de Formación Profesional en Lamas de Abade, como ven sendo habitual. Este é un certame que como cada ano organiza a Consellería do Medio Rural e do Mar en colaboración cos consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e as catro denominacións de orixe protexidas queixeiras.

Entre os días 22 e 27 deste mes, persoal da Consellería do Medio Rural e do Mar visitou as instalacións das industrias inscritas na Cata, elixindo ao chou unha mostra de 3 envases de mel de cada un dos participantes e unha mostra de 5 queixos, de cada un dos concursantes.

Os meles poderán concursar en dúas categorías; a Categoría A, que abarca calquera dos meles monoflorais (eucalipto, castiñeiro, silveira e breixo) incluídos no regulamento da IXP Mel de Galicia e a Categoría B, correspondente aos meles multiflorais.

Os queixos que se presenten a concurso deberán ter unha maduración, no momento da cata, de entre 15 e 20 días nos casos do Queixo Tetilla e Arzúa-Ulloa; entre 45 e 60 días para San Simón da Costa e, no caso do Cebreiro, ter unha maduración mínima de 2 días.