Vodas de Prata do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo

O 23 de outubro de 1987 o Consello de Europa declarou ao Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. O vindeiro luns cúmprense, xa que logo, 25 anos dese honroso distintivo outorgado á Ruta Xacobea por ser “un dos grandes espazos da memoria colectiva intercontinental” e propoñía “a súa revitalización como base e exemplo para accións futuras en atención ao seu carácter altamente simbólico no proceso de construción europea”. Unha placa de granito colocada no centro da praza do Obradoiro lembra este histórico momento.
O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Secretaría Xeral para o Turismo, José Paz Gestoso, que avanzou os eventos que con motivo desta efeméride se celebrarán o vindeiro día 23 en Santiago, como actos previos ao acto oficial que organiza o Concello de Santiago, en concreto tres eventos para resaltar as vodas de prata do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.
Por un lado, o Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a exposición Memoria de Peregrinación. Camiño de Santiago Primeiro Itinerario Cultural Europeo, comisariada por Francisco Singul. Doutra parte, e tamén con motivo deste 25 aniversario, o Xacobeo organiza unha mesa redonda no auditorio do Hostal dos Reis Católicos baixo o título Os Camiños de Santiago en España e Europa 25 anos despois da Declaración de Saint Jacques.
Despois da mesa redonda proxectarase tamén un filme inédito titulado Chemin de Compostelle. Unha película rodada en 1952 por Denys de la Patellière, sendo conselleiro histórico e un dos protagonistas René de La Coste-Messelière, un dos fundadores da Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle e o seu presidente durante máis de corenta anos. O filme segue a guía do peregrino do Códice Calixtino e trátase da primeira película rodada sobre o Camiño que enfatiza a súa dimensión histórica e espiritual, ademais de constituír unha testemuña de como eran as rexións atravesadas hai sesenta anos.
Por último, o Salón Teatro acollerá ese mesmo día un pase gratuíto do filme de Martin Sheen The Way que acadou un gran éxito de público e de crítica e que volverá a proxectarse en Compostela despois da súa estrea no Ano Santo 2010.