Turismo remodelou o miradoiro de Sober


A Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Turismo ven de acometer unha obra de remodelación do miradoiro de Sober. Os traballos, cuxo orzamento ascendeu a 113.059 euros, comezaron en xuño e hoxe mesmo recepcionouse a obra. No acto de recepción estiveron presentes o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián e mais a xefa de servizo da Xefatura Territorial da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez Fernández.   

As obras executadas tiveron como obxectivo a reforma e ampliación do miradoiro do Canón do Sil, creando unha estrutura voada orixinal sobre a xa existente, para poder gozar dun contorno destacado turísticamente. O miradoiro preexistente foi substituído por unha plataforma de madeira e aceiro cortén deseñada con criterio escultórico. A instalación está realizada de xeito que permita apreciar mellor as sensacións visuais e sonoras que caracterizan a paisaxe da Ribeira Sacra.