Santiago(é)Tapas de record

Máis de 60 establecementos aspiran a participar no Santiago é Tapas 2012, que nesta quinta edición se consolida coma un dos tres concursos máis importantes de España. Os días 8 e 9 de outubro o Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela acolle as probas de preselección, por onde pasarán todos os aspirantes coas súas creacións.
Hostelería de Compostela, que lidera nesta quinta edición a promoción e organización do concurso, agradece o apoio dos patrocinadores e dos hostaleiros, que fan un esforzo enorme para contribuir ao éxito do Santiago é Tapas 2012, a pesar da crise económica, dos recurtes orzamentarios e do pouco tempo que houbo para preparar esta cita co mellor da gastronomía en miniatura de Galicia. 
Deste xeito, este colectivo empresarial demostra a súa madurez e capacidade de liderado no sector hostaleiro compostelán asumindo a organización deste evento gastronómico ante o baleiro deixado por Turismo de Santiago, que decidíu deixar facer este concurso de tapas. 
Así as cousas, os hostaleiros composteláns patentan a súa vontade de facer cidade, de contribuir á promoción de Compostela como destino de turismo gastronomómico e do seu compromiso para consolidar o Santiago é Tapas coma o mellor concurso de tapas de Galicia e un dos tres máis importantes de España. De feito, a organización está a estudar fórmulas para deseñar e comercializar paquetes de hospedaxe e tapas a través dalgúns hoteis da cidade e poder atraer así a público de fóra de Compostela e de Galicia ao Santiago é Tapas 2012, axudando á proxección exterior deste concurso que se vai desenvolver entre o 26 de outubro e o 11 de novembro.