Santiago(é)Tapas: 72 locais aspiran a participar no concurso


Hoxe luns e mañán martes os cociñeiros dos 72 locais aspirantes a entrar na fase de concurso do Santiago é Tapas 2012 pasarán polo Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela (Salvadas, 29-31), para que as súas creacións sexan avaliadas por un xurado de expertos, profesionais e docentes do eido da restauración, que decidirán sobre a súa idoneidade e farán as recomendacións oportunas para garantir un elevado nivel de calidade no Santiago é Tapas 2012. 
Hostelería Compostela, que nesta quinta edición organiza e asume os custos deste concurso, quere agradecer especialmente a implicación dos hostaleiros composteláns, que fan un esforzo sen precedentes para contribuír ao éxito do Santiago é Tapas 2012 coa súa participación, a pesar da crise económica, dos recortes orzamentarios e do pouco tempo que houbo para preparar esta cita co mellor da gastronomía en miniatura de Galicia, que nas anteriores edicións organizaba Turismo de Santiago.
 Coa implicación decidida do sector empresarial, o sector hostaleiro compostelán deixa clara a súa vontade de facer cidade, de contribuír á promoción de Compostela como destino de turismo gastronómico e tamén para consolidar o Santiago é Tapas coma o mellor concurso de tapas de Galicia e un dos tres máis importantes de España, que se vai desenvolver entre o 26 de outubro e o 11 de novembro.