A edición 2012 do concurso
Santiago(é)Tapas contará con 71 establecementos participantes e 116 creacións a
concurso. Esta cifra supón a máis alta acadada nas cinco edicións do certame e
a ela chégase tralo traballo de selección efectuado polo xurado os pasados luns
8 e martes 9, no que quedaron fóra algunhas das propostas na procura da
excelencia. No 2011, foran 60 os locais
e 113 as tapas que se puideran degustar na fase final.
Ao rematar a súa tarefa, o xurado
quixo manifestar a súa satisfacción polo gran nivel das finalistas. Cantidade e
calidade irán da man. Hostelería Compostela é a organizadora desta edición da
cita e quere agradecer especialmente a implicación dos hostaleiros composteláns
para levar a bo porto este certame tan importante na dinamización do sector.
A expectación arredor do
Santiago(é)Tapas é alta entre os afeccionados á gastronomía e en todos aqueles
que colleron o seu “tapasporte” en anteriores edicións, como amosan o número de
inscritos, moitos deles debutantes, e a actividade nos grupos das redes sociais
(facebook e twitter oficiais e hashtag #santiagoetapas).
A cita será entre o venres 26
deste mes e o domingo 11 de novembro. Os establecementos participantes estarán
englobados en cinco é(tapas): Praza do Obradoiro, Praza de Cervantes, Praza de
Galicia, Praza Roxa e Camiño Francés.