Ruta Xacobea Vs. Ruta do Evanxeo

Unha delegación do Ministerio de Turismo israelí  visitou as instalacións da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, da Secretaría de Turismo da Xunta de Galicia, onde foron recibidos polo xerente da sociedade José Paz Gestoso. A delegación israelí visita Galicia na procura de asesoramento e colaboración para a promoción dunha ruta relixiosa en Israel coñecida como The Gospel Trail (A Ruta do Evanxeo). 

Durante todo o día de  hoxe día  manterán diversas reunións e mesas de traballo con técnicos do Xacobeo. Mañá trasladaranse ao poboado do Cebreiro e durante todo o día visitarán lugares emblemáticos do Camiño, así como monumentos, albergues e establecementos de turismo rural representativos ao longo do Camiño Francés ata rematar o percorrido no Monte do Gozo, en Santiago.  

O motivo da visita é aprender da experiencia galega na promoción, mantemento e desenvolvemento  do Camiño e establecer un protocolo de colaboración entre ambas vías de peregrinacións que recolla ideas como a de crear oportunidades de intercambio cultural en base ás figuras de Xesús e o apóstolo Santiago.
   
The Gospel Trail –a Ruta do Evanxeo- é unha rede integrada de camiños que dende Monte Precipicio, nas aforas do sur de Nazareth, chega a Cafarnaún, na costa do Mar de Galilea. A ruta foi inaugurada o pasado ano polo Ministerio de Turismo Israelí coa idea de recuperar unha antiga ruta relixiosa e cultural. Transcorre a través das paisaxes naturais que foron o fogar de Xesús e onde tiveron lugar e inspiraron as súas ensinanzas e parábolas.