Produto, gastronomía e economía

A Consellería do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou a calidade e o valor da vieira, da zamburiña e da volandeira das rías galegas. Segundo salientou a titular do departamento, no ano 2011 descargáronse nas lonxas galegas 230 toneladas deste produto, que supuxeron un valor económico de 700.000 euros.

A titular de Medio Rural e Mar explicou que son cifras de relevancia no contexto económico actual pero, segundo dixo, “estes datos non nos deben levar a esquecer que a verdadeira riqueza deste sector radica na súa calidade”.

A conselleira recalcou a boa sintonía acadada entre os produtores destes moluscos e a Administración, ao tempo que enxalzou a calidade e garantía dos moluscos de Galicia que “pasan os controis técnicos sanitarios máis esixentes”. Engadiu que “aquí vendemos e consumimos o mellor e máis seguro marisco do mundo e as vieiras, volandeiras e zamburiñas non son unha excepción”.