Martín Códax e Xacobeo, promoción conxunta

A  S.A. de Xestión do Plan Xacobeo,  da Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, e a empresa Adegas Martín Códax SAU, titular da marca homónima da coñecida adega de albariño, asinaron hoxe un acordo para o desenvolvemento de accións conxuntas de promoción tanto a nivel nacional como internacional.  

En virtude deste convenio, Martín Códax subministrará viños da súa marca á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para degustar nos actos que a entidade de promoción e conservación dos Camiños de Santiago organiza periodicamente como xornadas, conferencias, eventos ou exposicións  co obxecto de realizar unha promoción conxunta de ambas entidades.

Este convenio insírese dentro da estratexia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de involucrar a empresas privadas na divulgación, promoción, conservación e mantemento dos Camiños de Santiago. Con tal motivo, dende marzo de 2011 dende o Xacobeo mantéñense contactos coas empresas que patrocinaron o Xacobeo 2010 para involucralos en diferentes iniciativas de promoción conxunta e para continuar a súa colaboración co Xacobeo unha vez pasado o Ano Santo.