Incautan en Cambados 234 quilos de centola


Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coa Policía Autonómica, realizaron onte un operativo no porto de Cambados que se saldou co comiso de 234 quilos de centola.

A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que neste momento este crustáceo está en veda e permanecerá prohibida a súa extracción ata o vindeiro 4 de novembro nas provincias da Coruña e Pontevedra e, ata o 2 de decembro, na provincia de Lugo.

O Servizo de Gardacostas e a Policía Autonómica tamén realizaron nos últimos días outra actuación na Ría de Arousa. Na zona do porto de Meloxo, os gardacostas incautaron unha planadora. Ademais no Bodión, en Boiro, os axentes identificaron a 3 persoas que estaban mariscando de xeito ilegal e requisáronlles 2 quilos de ameixa babosa e 1 sacho. A maiores, na zona da Landeira, tamén en Boiro, os inspectores da Xunta identificaron a outras 4 persoas que estaban exercendo a actividade furtiva.