Guerra ao furtivismo

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, incautáronse de preto de 200 aparellos de pesca e comisaron case 250 quilos de diversas especies en distintos operativos realizados polo litoral galego nos últimos oito días.

Na ría de Arousa, os gardacostas desenvolveron varios operativos que se saldaron coa incautación de 96 artes e preto de máis de 95 quilos de peixe e marisco. A actuación máis importante foi a que se realizou o pasado xoves, onde os axentes requisaron 86 nasas de polbo e 10 quilos de nécora e conguito. Ademais nas zonas de Rianxo e Ribeira os axentes fixéronse con dúas embarcacións que carecían de folio. En varios labores de inspección desenvolvidos en Vigo, os Gardacostas comisaron case 15 quilos de carioca e centola e incautaron 1 salabardo.

A Coruña tamén foi escenario doutros operativos de gardacostas tanto na costa como na cadea de comercialización. Neles requisáronse 96 artes, sobre todo nasas sen identificar, e comisáronse preto de 90 quilos de distintas especies de peixe e marisco, a maioría de peixe espada e xurelo.

Na Ría de Muros e Noia tamén se realizou unha intervención, que se saldou coa incautación de máis de 6 quilos de ameixa babosa. Por outra banda, en Ferrol os axentes do servizo dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar comisaron unha cacea de butróns e máis dun quilo de diversas especies. Na zona de Laxe, os axentes levaron a cabo outra inspección na que requisaron 24 quilos de xurelo.

A maiores na Ría do Barqueiro os Gardacostas fixéronse con máis de 13 quilos de percebe e polbo de talla antirregulamentaria e con 3 aparellos de pesca.