Begano colabora co Xacobeo

O xerente do Xacobeo, José Paz Gestoso e mais o director comercial de Bebidas Gaseosas do Noroeste, S.A., José Picado Carballeira ratificaron na sede da empresa na Coruña un acordo de colaboración a través do cal Begano se compromete á plantación de árbores autóctonas no Camiño Inglés ao seu paso polo Concello de Abegondo. 

En virtude deste convenio, antes do 20 de decembro traballadores voluntarios da empresa procederán á plantación de castiñeiros, cerdeiras, acivros, ameixeiras e abeleiras, entre outras especies autóctonas, ao longo dun tramo do Camiño Inglés que percorre as parroquias de Limiñón, Meangos, Vilacoba, Folgoso e Sarandós do concello de Bergondo para formar pantallas vexetais de xeito que proporcionen sombra aos peregrinos e contribúan á beleza e á posta en valor das rutas xacobeas.

Begano S.A. é unha empresa comprometida coa conservación do Medio Ambiente e por iso son numerosos os proxectos orientados a lograr a sostenibilidade como campañas de sensibilización para os mozos ou a propia implicación do persoal de Begano para realizar plantacións.

Unha das súas últimas iniciativas de Begano S.A. neste sentido foi a creación dunha botella edición limitada para o proxecto Galicia Color, como agradecemento, dez anos despois, aos voluntarios que colaboraron na limpeza das praias tras o afundimento do Prestige.