As macroalgas, fonte de riqueza para Galicia

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda Crespo, anima ao sector extractivo a apostar pola explotación das macroalgas que son, dixo, “unha fonte de riqueza para Galicia”. Así o expuxo no Foro dos Recursos Algais de Galicia está a reunir na sala de conferencias do CETMAR a arredor de 50 asistentes procedentes de centros de investigación, universidades, da administración e de diferentes empresas, así como do propio sector.

Ao longo da mañá, diferentes expertos en macroalgas e na súa biodiversidade, extracción, explotación e comercialización abordaron a situación actual do recurso e as súas posibilidades de explotación. Segundo explicou a coordinadora da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do CETMAR e responsable da organización do foro, Rosa Fernández, o obxectivo deste evento é que os diferentes axentes que están a intervir no aproveitamento deste recurso poñan enriba da mesa todas aquelas cuestións que poidan contribuír a mellorar a situación e a fortalecer a actividade relacionada coa explotación das macroalgas.

Nunha das intervencións da mañá, o técnico da Consellería do medio Rural e do Mar, Manuel Tasende, explicou que a explotación deste recurso está regulada na Lei de Pesca de Galicia e en sucesivos decretos nos que se especifican os utensilios ou aparellos que se poden empregar na súa extracción ou como se elaboran os plans de xestión, entre outros aspectos.