As Comunidades do Cantábrico-Noroeste analizan as posibilidades de pesca para 2013

O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, asistiu hoxe en representación da Xunta de Galicia, ás xuntanzas do grupo de traballo creado pola Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que tiveron lugar en Santiago. A primeira delas foi entre as autonomías do Cantábrico-Noroeste –País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia– e a Administración Central e a segunda entre as administracións e representantes do sector destas comunidades autónomas. Ambos encontros foron de carácter informativo e estiveron centrados na análise dos rexistros de capturas dos últimos 3 anos das especies que son obxecto das frotas de cerco, arrastre de litoral e artes menores.

O obxectivo das xuntanzas foi o de analizar os datos dispoñibles para empezar a planificar a revisión de TACs e cotas cara ao próximo ano nas augas do Cantábrico-Noroeste. Por parte de Galicia estiveron representantes das frotas do arrastre litoral, cerco, artes menores e volanta-palangre de fondo. Deste xeito, co grupo de traballo, administracións e sector  buscan establecer para todo o Cantábrico-Noroeste as condicións de acceso a especies como a cabala, o xurelo e a pescada, entre outras.

Ademais destas dúas xuntanzas, previamente reuniuse o Comité de Coordinación do Cantábrico Noroeste para abordar diversos asuntos de interese común para as comunidades desta zona. Por parte das diferentes administracións, asistiron o secretario xeral do Mar e os directores xerais de pesca de Asturias, Alberto Vizcaíno; Cantabria, Pilar Pereda, e País Vasco, Jokin Díaz. Por parte da Secretaría General de Pesca asistiu o Director Xeral de Recursos Mariños e Acuicultura, Ignacio Escobar.