Acuicultura, sector de futuro

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou no Foro Acui o valor da acuicultura para o futuro e a puxanza desta actividade que no 2011 xerou preto de 182 millóns de euros a través da produción de 232.000 toneladas de produtos do mar.

Durante a súa intervención, a titular de Medio Rural e Mar salientou a diversificación da produción acuícola, que xera en Galicia máis de 22.000 empregos. Tamén lembrou a súa relevancia xa que, segundo indicou, a FAO di que se a demanda de peixe e poboación continúan nas súas mesmas porcentaxes de crecemento, en 2030 serán xa necesarios 37 millóns de toneladas adicionais de peixe para manter os niveis actuais. Neste sentido sinalou que “a acuicultura se configura como a única opción para cubrir este déficit”.

Para potenciar esta actividade Galicia elaborou a Estratexia Galega de Acuicultura que establece a dirección e desenvolvemento desta actividade en todos os ámbitos territoriais galegos susceptibles de acoller a súa expansión. Unha das súas ferramentas é o Plan Director de Acuicultura do Litoral que contempla toda a lexislación específica e necesaria para facer compatible o desenvolvemento da acuicultura coa conservación dos valores ambientais e sociais.