Santiago acolle a elección do mellor barista de Galicia


Os mellores profesionais do café da Comunidade compiten esta tarde en Santiago por alzarse co título de Campión Barista de Galicia, que dá dereito a participar na proba nacional. O campionato cumpre a súa sétima edición na nosa Comunidade e desenvólvese dende as 12.30 horas no centro comercial Área Central. Está organizado polo Fórum do Café e Cafento e conta co patrocinio, entre outras empresas, de Crem Internacional e Central Lechera Asturiana.

Os aspirantes deberán preparar en 16 minutos catro espressos, dous cappuccinos arte, dous combinados de creación propia tomando como base o espresso e empregando alcohol e dous combinados de creación propia sen alcohol. Un equipo de xuíces baristas homologados polo Fórum avaliará a técnica, a calidade e a orixinalidade das bebidas, e emitirá o seu veredito. A proba comezará ás 15.30 horas e a entrega de premios agárdase para as 20.45 horas. Previamente, ás 20.30 horas, terá lugar unha exhibición de coctelería acrobática a cargo de Carlos Abelleira, da Asociación Galega de Barmen.