O potencial de Galicia no eido enogastronómico a debate

O Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela acolleu durante a xornada de hoxe un foro sobre as Tendencias e Estratexias do Sector Vitivinícola Galego, que forma parte do Ciclo de Foros Grupo Correo Gallego. Na xornada abordáronse temas relacionados coas estratexias de internacionalización dos viños; coa investigación e innovación no sector vitivinícol; así como coa nutrición ou o potencial enoturístico de Galicia.

Nunha conferencia titulada Rutas do Viño-Turismo Enogastronómico, Laura Benavente, técnico de Turismo de Galicia, explicou as actuacións que dende a Administración Turística galega se levaron a cabo nos últimos anos para potenciar o viño e a súa cultura, paisaxe e costumes como un recurso turístico e un reclamo de seu para os visitantes que se acheguen a Galicia.

Benavente destacou as potencialidades do destino Galicia no eido da gastronomía e do turismo enogastronómico e fixo un repaso polas liñas de actuación do Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 que están estritamente vinculadas coa posta en valor do potencial gastronómico e enolóxico da nosa comunidade. Laura Benavente explicou que Turismo de Galicia aborda a enogastronomía dende unha dobre perspectiva. “Por un lado, considerando a gastronomía como produto principal  realizando unha promoción específica do mesmo e estimulando a comercialización e o apoio ao sector e, doutra parte, incorporándoa no deseño de calquera produto turístico para enriquecer as razóns polas que viaxar á nosa comunidade”, engadiu.