Novo impulso á náutica recreativa

Porto deportivo de Vilagarcía
(Foto: Turismo Rías Baixas)
Portos de Galicia e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vilagarcía de Arousa colaborarán na difusión no exterior das instalacións náuticas de recreo das que é titular o ente público. Así se recolle no convenio de colaboración asinado polo presidente do organismo portuario, José Juan Durán, e o presidente da Cámara, Miguel Falcón.

O acordo reflicte o compromiso de promoción do sector náutico recreativo do ámbito cameral, así como o fomento da actividade económica no mesmo. A Cámara de Comercio “incluirá entre as súas accións de comercio exterior a realización dunha misión inversa dirixida a atraer a visita de prescriptores de opinión, touroperadores e empresas charter ás instalacións portuarias de náutica deportiva” segundo reflicte o documento e, nomeadamente, aos portos de Pedras Negras e A Toxa (O Grove), Portonovo, Sanxenxo e Vilanova de Arousa.