
A delegación realiza entre os días 2 e 7 de setembro unha viaxe de estudo por Galicia para interesarse sobre o know how da nosa comunidade en aspectos relacionados coa industria cultural e co desenvolvemento turístico do Camiño de Santiago, así como da súa repercusión no desenvolvemento económico local, na realización de infraestruturas e sinalización e mais na protección do medio ambiente.
Nos últimos anos, o Xacobeo ten realizado en Trondheim unha exposición sobre o Camiño de Santiago e mais unha conferencia sobre a Ruta Xacobea que se celebrou no Pazo Episcopal da cidade. En Trondheim ten tamén a súa sede a Pilgrim Confraternity of St. Olav, unha asociación que traballa na promoción e conservación da ruta, declarada Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa en maio do ano 2000.
Durante o ano 2011 recolleron a compostela na Oficina do Peregrino de Santiago 899 peregrinos procedentes de Noruega. En 2011visitaron Galicia un total de 7.130 noruegueses que se aloxaron en establecementos turísticos galegos, un 1% do total do mercado estranxeiro en Galicia, o que supuxo un crecemento a respecto de 2010 do 10,1% na cifra de turistas procedentes de Noruega.