A extracción de moluscos en Galicia xera arredor de 13.000 postos de traballo, segundo sinalou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na inauguración do congreso internacional Physiomar, que se prolongará ata o 8 de setembro en Santiago.
Rosa Quintana sinalou que a nosa Comunidade conta con case 5.000 persoas empregadas directamente nas bateas, preto de 4.000 mariscadoras que faenan a pé e máis de 4.000 que faenan en embarcación. Neste sentido, salientou a liña crecente deste segmento de produción, que no 2011 medrou case un 10% no seu resultado económico e máis dun 4% en volume extraído e cultivado.
A conselleira tamén fixo referencia ao potencial de recurso no mar e nas praias de Galicia, onde en 2011 se extraeron máis de 8.700 toneladas de bivalvos e 11.600 de cefalópodos. Ademais, sinalou que en Galicia cultívanse máis de 229.000 toneladas de 10 especies das que predomina o mexillón. A esta capacidade de produción hai que engadir o valor económico resultante da venda en fresco destes produtos, que é de máis de 229 millóns de euros anuais.