Os empresarios do sector hostaleiro
compostelán veñen de emitir un comunicado valorando a repercusión da saída
dunha etapa da Volta Ciclista a España dende Santiago. Sinalan que, se ben o
impacto económico directo no sector “foi moi limitado” (pois non máis de cinco
ou seis establecementos acolleron a membros dos equipos e da organización, “e
con tarifas moi económicas”, din), o certo é que “o efecto indirecto, a nivel
de promoción exterior da cidade e de Galicia foi moi positivo”. En todo caso,
os empresarios sinalan que “é de agradecer o esforzo das administracións,
especialmente da Deputación da Coruña, aínda que este evento deportivo non se
traducira nun aumento sustancial da actividade no sector hostaleiro, dado que
foi unha saída de etapa e non unha chegada, que sempre xera maior impacto,
tanto económico como mediático”, aclara Hostelería Compostela.
![]() |
Oficina de Turismo de Santiago |
Récord. Por outra banda, o Concello
compostelán vén de informar de que a oficina de información de Turismo de
Santiago atendeu no mes de agosto un total de 46.329 consultas presenciais, o
que representa o récord histórico da entidade, creada en 1999. Esta cifra supón
un crecemento do 13% respecto do mesmo mes de 2011.
A procedencia das consultas é,
maioritariamente, nacionais se ben o maior incremento porcentual con respecto a
anos anteriores prodúcese nas consultas procedentes de turistas estranxeiros.
De feito, as consultas internacionais supuxeron o 38,65% do total, a maior
porcentaxe alcanzada ata o de agora nun mes de agosto. Entre os países de
procedencia dos demandantes de información destacan Italia, Francia, Alemaña e
Portugal.