Ferrol acolle o venres o I Salón Cultura do Viño “Cataviño”

Diego Calvo e Susana Martínez Galdós
presentaron o Cataviño no Consistorio
O Cantón de Molíns de Ferrol acolle este venres o I Salón Cultura do Viño “Cataviño”, unha actividade organizada man a man entre o Concello e a Deputación da Coruña e que conta cun presuposto de 15.000 euros. A intención dos organizadores é que este salón teña continuidade e que se convirta nun punto de encontro para produtores, adegueiros, hostaleiros e outros sectores relacionados co mundo do viño.

Cataviño desenvolverase en horario de tarde (de 19.00 a 21.30 horas) e contará coa participación de 22 adegas de todo o país. Haberá “viños aromáticos brancos galegos, tintos suaves ou con moito corpo, viños premiados e de maceración carbónica, rosados de grande altura, viños de famosos, cavas exclusivos, etc.”, explicou a concelleira de Festas ferrolá, Susana Martínez Galdós.

Pola súa banda, o presidente da Deputación e edil de Turismo, Diego Calvo, sinalou que se porán á venda unhas tarxetas a un prezo de sete euros que darán dereito a realizar sete consumicións. Ademais, haberá actividades paralelas como unha cata cega e actuacións musicais.