Cultura e Educación e a Universidade de Vigo alíanse para crear o Campus da Auga en Ourense


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Vigo asinaron hoxe un convenio de colaboración para impulsar o proxecto Campus da Auga en Ourense, a primeira iniciativa de especialización dun campus non central no Sistema Universitario de Galicia.  Desta forma dáse o primeiro paso para impulsar a consolidación do campus de Ourense como un centro de referencia e excelencia científica, con capacidade de proxección exterior e de creación de valor económico e social como motor de desenvolvemento territorial na provincia. Neste sentido, o Campus Auga supón unha aposta por unha maior inserción do campus ourensán cos sectores económicos e produtivos da provincia, tales como o termalismo, co obxecto de promover arredor deles a xeración de emprego e riqueza.