Lugo promocionará as festas do San Froilán por toda Galicia


O Concello de Lugo porá en marcha dun plan de promoción turística do municipio e das festas do San Froilán. Instalaranse un total de dez paneis en sete cidades e vilas galegas con información sobre os atractivos turísticos do Concello de Lugo e sobre as festas máis coñecidas da localidade.

A colocación farase en lugares céntricos e transitados e, na maior parte dos casos, segundo informou o edil Antón Bao, “a colocación dos paneis turíticos nas diferentes cidades faise coincidir con celebracións festivas buscando chegar ao maior número de persoas”. A campaña comezou nas festas de Santiago e trasladarase, ata o 11 de agosto, á cidade de Ferrol. Posteriormente, estará en Monforte de Lemos, Viveiro, Pontevedra, Ribadeo e Ourense.

Bao fixo tamén un balance dos datos de turismo deste primeiro semestre de 2012. Os datos indican que Lugo mantense no número de turistas, que se incrementaron en preto de 300 con respecto ao mesmo periodo de 2011. Antón Bao valorou estes datos como “non moi negativos” tendo en conta a situación que se está a vivir e destacou que non houbo perdas no número de turistas a pesares do que se podía esperar neste contexto.